LugoPatrimonio :: Asociación Cultural

 

Señoras e señores representantes das distintas administracións (Concello de Monforte representado polo seu alcalde, Deputación provincial polo deputado de Cultura), Presidentes e Presidenta das distintas asociacións que convocamos este Congreso (AA.VV. de Salcedo e de San Martiño de Vilelos, Entroido Ribeirao, Amigos Patrimonio Lemos, A.C. As Fachas, Asociación Xuvenil Os Turulecas, A.C. Souto do Val e LugoPatrimonio que facemos de coordinadores), e por suposto, vostedes, os e as congresistas que son a alma popular e científica destas xeiras dedicadas a coñecer e potenciar o noso patrimonio inmaterial.

Tamén queremos deixar constancia do recoñecemento e agradecemento a quen foron protagonistas das institucións que no seu momento apoiaron este importante traballo que levamos feito xa durante estes dous anos, algúns dos cales nos acompañan de novo:D. Alfredo Suárez canal, que foi conselleiro de Medio Rural,

D. Ignacio Rodríguez Eguíbar, da xerencia do Plano Xacobeo,e dos delegados ou delegadas das distintas consellarías:Dª Branca Rodríguez Pazos, D. Emilio López Pérez, D. Xoán Xosé Molina Vázquez, e D. Cosme Pombo Rodríguez

Iniciamos, pois, neste momento que anuncia xa o outono, a apertura das segundas xornadas do Congreso sobre Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos, Chantada e Quiroga. En febreiro estudamos os ritos do Entroido e tiramos conclusións sobre as que xa estamos a traballar. Resultados positivos e esperanzadores, xa que logo. Agora, hoxe e mais os días 7 e 8 de setembro, tócanos, do mesmo xeito, estudar, analizar e participar nos ritos das danzas e do lume: na Cervela e A Ermida, e nos fermosos lugares de Castelo e Vilelos. Ritos antigos que naceron da comunicación entre a persoa e a paisaxe, o traballo e a festa. Cando a natureza era a deusa nai á que se adoraba, pois dela saía todo o que os humanos necesitaban para viver e mesmo reproducirse.

Dirán vostedes por que estas xornadas, a que se debe o seu interese e popularización. E nós respondemos que para decatármonos do que ao longo dos séculos foron construíndo os nosos devanceiros: no idioma, no traballo e no lecer propios. Para que ese tesouro que temos diante dos nosos fociños entre con orgullo e fachenda polos nosos ollos e chegue ao noso corazón. E daí reconstrúa a diferenza como riqueza e forma de ofrecer ao mundo un xeito de vivir e un xeito de nos expresar.

Non é  doado na Galiza de hoxe aprezar os noso tesouros debido ás cortinas diferentes que se argallan para agachalos. E acaso ignoremos que eles poden mellorar a nosa dignidade e a nosa riqueza material. As festas ou ritos da Danza e do Lume poden servir para afirmar a través deles, primeiro, a nosa consciencia de galegos e galegas, e despois, todo un tecelán de riqueza que vai desde centros de interpretación ou talleres de artesanía, até postos de traballo nas zonas rurais onde se crearon.

Iso precisa, pois, aparte da conciencia dos propios protagonistas que executan as devanditas festas, o estudo científico e a investigación que nos aclaren tamén as nosas raíces profundas sen as cales andaremos cegos e sen obxectivos para a conformación da historia e do futuro destas terras.

Pasaremos estes tres días, escoitando historias e interpretacións que han valer para que a investigación siga. E comprobaremos sobre o terreo a maxia e a beleza dunha cultura que tamén lle pode mostrar os nosos xeitos de goce ao resto do mundo. Mais para iso, nós temos que ser os primeiros en nos convencer.

SEXAN BENVIDOS E BENVIDAS A ESTA UNIVERSIDADE POPULAR NA QUE SE CONXUGA, POR UNHA PARTE, A PRESENZA  DO NOSO POBO, E POLA OUTRA OS SEUS E AS SÚAS REPRESENTANTES.

TIRAREMOS CONCLUSIÓNS PARA QUE A FESTA SIGA BAIXO O MANTO PROTECTOR DO NOSO IDIOMA PROPIO (MÁXIMO PATRIMONIO QUE TEMOS E SEN O CAL QUEDARIAMOS MUDOS E DESPERSONALIZADOS). E PARA QUE AS INSTITUCIÓNS SIGAN A FORMAR PARTE DO AVANCE E DAS NECESIDADES QUE A FESTA E A IDIOSINCRASIA BERRA.

GRAZAS, POIS, POLA PARTICIPACIÓN E POLA AXUDA.

Monforte, 30 de agosto do 2009

 

Na sesión de debate do 30 de agosto sobre as alternativas para consolidar e reforzar as danzas da Cervela, os e as congresistas acordaron, despois de aprobar os puntos que detallamos de seguido, insistir nos distintos departamentos da Xunta de Galicia (Cultura, Vivenda, Medio Rural…) que activen os distintos proxectos que estaban xa redactados e a piques de se executar pola Xunta anterior:

Mesa Congreso

 

Danzas da Cervela.

· Alternativas para a confección do vestiario (panos, pantalóns, camisas, sombreiros, arcos...), de xeito que sirvan para a provisión propia e mais para a creación dun taller de artesanía.

· Arranxo e mellor distribución do Centro social (salas para exposicións, reunións, proxeccións  e actos; centro de interpretación, almacén...).

· Rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica, así como recuperación dos santos barrocos (Cristo e San Roque).

· Amaño da praciña da igrexa e o cruceiro.

· Rehabilitación da capela de san Roque e limpeza e amaño da Fonte do mesmo santo.

· Rehabilitación do lugar da Cervela.

· Actividades anuais.

Martes, 01 Setembro 2009 14:34

A primeira xornada do congreso en imaxes

 

D. Luís Costa Vázquez: O baile e a danza na tradición cultural de Galiza

 

D. Lois Diéguez: Contexto paisaxístico e patrimonial da Cervela

 

Ensaios previos pouco antes de comezar.

 

Os danzantes ante a virxe.

 

O Congreso continuará os días 7 e 8 de setembro, seguindo o programa previsto.

 

 

Orlando Viveiro e Hixinio Flores presentaron os itinerarios que o próximo sábado, día 8 de agosto, andaremos pola zona da Fonsagrada. Mediante fotos e imaxes, e comentarios, aproximáronnos a unha das comarcas máis interesantes de Galiza, e quizabes das máis descoñecidas. Patrimonio material e natural, música, artesanía... unha riqueza que, contra vento e marea, aínda posuímos.

 

presentación da viaxe á Fonsagrada

Martes, 04 Agosto 2009 16:13

José Manuel Blanco Prado

 

D. Xosé Manuel Blanco Prado é profesor de Filosofía no I.E.S. “Xoán Montes” de Lugo e Doutor en Historia. Publicou os seguintes libros: “Romaxes da Terra Chá”. “Religiosidad popular en el municipio de Begonte” e, tamén, “Exvotos e Rituais nos Santuarios Lucenses”. É coautor das seguintes obras: “Cruces e Cruceiros do concello de Begonte, “Begonte: Pasado e Presente” e “ Tempos de Festa en Galicia” .

Publica contidos relacionados coa antropoloxía cultural, etnografía e a historia en diversos boletíns informativos e revistas culturais, como o Boletín do Museo de Lugo, Lucensia, Lucus, Estudios Mindonienses, Croa, Pena do Encanto, Boletín de Estudios Chairegos, Castiñeiro Milenario, Diario “O Progreso de Lugo” etc. Desde 1993 traballa con Fernando Arribas Arias e Mario Saavedra no proxecto Carboeira, cuxa finalidade e levar a cabo unha catalogación e inventario dos cruceiros da Terra Chá. Tamén colabora en revistas dixitais, como “Galicia Encantada” e “Culturas Populares”.

Acadou as seguintes distincións: IX Certame Literario da Terra Chá (1972). Premio de Periodismo 'Manuel Mato Vizoso' (anos 1982 y 1984) e Premio 'Cal da Loba' das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego (1999). Fue nomeado 'Milagrosista 1997'.

Luns, 03 Agosto 2009 15:41

Isidro García Tato

Isidro García Tato

Natural de Viladequinta de Valdeorras (Ourense), estudou Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, e Xermanística, Historia, Filosofía e Teoloxía nas alemás de Ratisbona e Munich. É doutor en Teoloxía e Filosofía pola Universidade de Munich. Nesta Universidade foi ademais wissenchaftlicer Assistent (= Axudante de cátedra) do Prof. Leo Scheffczyk durante oito años.

Adscrito desde o ano 1982 ao Consello Superior de Investigacións Científicas, na actualidade é científico titular do CSIC con destino no Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (Santiago de Compostela), onde ademais de ser secretario de publicacións, participa en varios proxectos de investigación sobre a historia de Galicia, ao mesmo tempo que está elaborando una Historia das Encomendas da Orde de Malta en Galicia, da que xa apareceu o primeiro volume. É tamén autor de numerosos libros e artigos, en alemán, galego e español, sobre historia, teoloxía e filosofía.


Luns, 03 Agosto 2009 14:33

Clodio González Pérez


ClodioCenlle (Ourense), 1947. Mestre, historiador e etnógrafo. Membro da extinta sección de Etnografía e Folclore do Instituto “P. Sarmiento” de Estudos Galegos (secretario da devandita sección dende 1984); do padroado do Museo do Pobo Galego (1984), secretario (1992 a 1997) e vocal da Xunta rectora; da sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega, etc. Galardóns: "Premio Concello de Ponteareas, 1983" por Aproximación a la historia de Ponteareas; "A la mejor labor continuada" en prensa do certame do Ministerio de Cultura sobre “Artes y Tradiciones populares”, os anos 1983, 1884, 1885 e 1986; premio "Investigación-1987" da Deputación Provincial de Pontevedra por A festa dos maios en Galicia; "O Maio", galardón anual da Asociación de Veciños "Casco Vello" de Vigo, 1990; premio "Investigación-1992" da Deputación de Pontevedra por A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo; “Curuxa de honra” do Museo do Humor de Fene, 1999; coautor de O Ribeiro. O viño da cultura. A cultura do viño, premio mundial ao mellor libro publicado sobre o viño en 2001 (“Gourmand World Wine Books Award 2001”); premio de investigación “Raigame”-2008, etc.

Colaborador da Gran Enciclopedia Gallega, asesor da Enciclopedia Galega Universal, e do consello consultivo e colaborador da Gran Enciclopedia Galega.

Colabora en prensa dende 1965 (Faro de Vigo, La Voz de Galicia, O Correo Galego, Galicia Hoxe...). En 1969 publica o primeiro folleto ao que seguirán varios libros, entre outros, Castelao: caricaturas e autocaricaturas (1986), A festa dos maios en Galicia (1989), O concello de Rois (1990); "Aproximación etnográfica á cultura material da montaña lucense ", vol. II de Antropología y Etnografìa de las proximidades de la Sierra de Ancares (1991), As festas cíclicas do ano (1992), A coca e o mito do dragón (1993), A producción tradicional do ferro en Galicia; “Arquitectura e tecnoloxía populares no val de Ancares (León)” (1996),  “Cousas da vida” no Faro de Vigo, por Castelao (2001), “Aspectos lingüísticos e tecnolóxicos do Val de Fornela” (2002), Os cruceiros (2003), O Ribeiro: terra, auga e viño (2003), La iglesia y el cementerio de Santa María a Nova de Noia, (2003), Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa (2003), Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas” (2003), Román Martínez de Montaos. Un facendista galego do século XIX (2006), Xosé María Álvarez Blázquez (2007); A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros (2008), Mar adiante. As “xeiras” dos ultreias (2008), As varandas de ferro dos corredores e balcóns do Ribeiro (2008), etc.

Conta con máis dun cento de traballos de investigación publicados en diferentes revistas, congresos, estudos preliminares, etc.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe á Coruña guiada por Felipe Senén López +

    Día 21, sábado Viaxe á Coruña guiada por Felipe Senén López. Saída ás 9,00 h. Ler Máis
  • Anotación para a viaxe do día 25 de outubro a Santa Eulalia de Bóveda, Museo etnográfico da Torre de Xiá (Narla) e aos Baños romanos de Lugo +

    Día 9, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, Ler Máis
  • Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, profesor titular na UDC sobre “O galego-portugués herdeiro do latín” +

    Día 9, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, Ler Máis
  • 1

Faite Socio

Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.

Ver +info

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO